MULLERES GALEGAS

Views:
 
Category: Education
     
 

Presentation Description

No description available.

Comments

Presentation Transcript

Slide 2:

A principios do século XX a inmensa maioría das mulleres galegas eran labregas e analfabetas. Traballaban as escasas terras que a familia posuía, facían horas a máis como xornaleiras e coidaban da casa e dos fillos. Os seus deberes eran traballar e servir aos homes, os seus DEREITOS..... non existían.

Slide 3:

Criaban un ou dous porcos que logo vendían na feira máis próxima para gañar unhas pesetas que investían en enxovais para a casa, en roupa ou no que non podían producir nas pequenas leiras que posuía a familia. Non sempre obtiñan o que precisaban.

Slide 4:

Os mellores froitos do agro, os máis temperáns, tamén ían ao mercado da vila, eran para quen podía mercalos non para o consumo propio. Cargaban as cestas ben cheas e pasaban horas esperando comprador para non volver coas mans valeiras porque delas dependía toda a familia. Na casa non se consumía o que podía venderse aínda que houbera FAME.

Slide 5:

Mulleres á "rapeta". Eles, os mariñeiros botaban as redes dende as barca; elas tiraban dende a praia. Eran forza bruta, mulleres fermosas que se murchaban antes de tempo porque o sol e o sal queimaban a pel. Sen recompensas

Slide 6:

Á mañá cedo acudían ao porto para coller o peixe que despois venderían polas rúas, berrando a mercancía, coa "patela" pingando sobre as cabezas, moitas veces descalzas para axudar, co pouco que sacaban, na casa. Rematada a xornada volvían a limpar as patelas, metidas na auga, para o día seguinte. Non tiñan DEREITOS, tiñan obrigas.

Slide 7:

Algunhas tiñan a "sorte" de poder pousar a carga nalgunha praza e vendían alí, o quilo de xurelos a tres"patacos" se non había moito e a xente acudía, senón había que rebaixar porque non podían volver co peixe para a casa. Pasaban horas ao aire libre, ese era o seu DEREITO.

Slide 8:

Varias veces no día ían á fonte, carrexaban auga para a propia casa pero tamén abastecían ás dos "señores" tanto fidalgos vilegos como burgueses, unhas eran criadas, outras repartidoras de auga que cobran tres patacos por balde. Pasaban horas nas fontes e carreaban os baldes cheos na cabeza. Co cranio afundido pero seguían .... porque non había outra!

Slide 9:

Para aliviar a miseria familiar algunhas mulleres, no entorno das villas, lavaban a roupa das casas dos "señoritos" burgueses por dous reas. Eran as LAVANDEIRAS, de xeonllos durante horas, coas mans na auga fría do río. Sen DEREITOS.

Slide 10:

As máis novas e espertas, podían chegar a ter o máis que dubidoso privilexio de traballar como criadas dos "señoritos" dos pazos ou dos burgueses das vilas a cambio da mantenza e aloxamento, porque para a familia xa era moito librarse dunha boca que alimentar e servir aos señores era unha honra que moitas veces remataba en deshonra. Servir e calar era o seu DEREITO

Slide 11:

. “As mulleres non deben traballar fóra da casa. É malo para os fillos e a familia” A frase é dun ilustre burgués que non dubidou en sacar a esta muller do seu fogar nin en separala dos fillos propios para levala a súa fermosa casa da vila como "ama de cría" do seu último fillo porque o leite da súa muller non alimentaba o mesmo que o dunha labrega que parira xa cinco. El tiña DEREITO, ela calaba e aleitaba ao burguesiño sucesor.

Slide 12:

No entorno das vilas traballaron como "obreiras" nas fábricas de conservas, nos postos máis infames e sempre as ordes dos homes. Traballaban dez horas por un soldo miserento que non daba nin para aliviar a fame. Traballan en ambientes insalubres, pechados e fríos, cos pés mollados e as mans conxeladas. Sen ningún tipo de DEREITO.

Slide 13:

Na fábrica de tabaco da Coruña traballaban moitas mulleres. Comezaban de nenas e tiñan que levar o instrumental para o traballo. Mentres aprendían o "oficio" non gañaban pero tiñan que traballar as mesmas 10 horas que ás que xa sabían. Despois, se chegaban a obreiras traballaban a "destajo" e cobraban por obra feita pero nunca podían gañar máis de sete pesetas, un 60% menos do que podía chegar a gañar un home polo mesmo traballo.

Slide 14:

Con catorce anos comezou a traballar como "cigarreira" na Fábrica de Tabacos da Coruña, un oficio que herdou da súa avoa, e da súa nai que mantiveron o seu emprego como "cigarreiras" mentres viviron. Ela sucedeunas e pasou polo mesmo ata a xubilación. Aguantou de todo. Quedáronlle 500 pesetas por TODA UNHA VIDA.

Slide 15:

Recollían o leite pola noite e poñían as "caldeiretas" á fresca, en auga, para levantarse coa amañecida e levar o leite á vila. Seis, dez quilómetros, os que houbera, camiñando, inverno e verán, cargando as caldeiretas ata as casas comprometidas ou á praza para vender o bo e gañar uns cartiños. Ao pouco que quedaba na casa, cando quedaba, se non había caldo de unto, botábanlle auga para facelo render. Elas non tiñan DEREITO a tomar do bo.

Slide 16:

As máis "afortunadas", fillas de labradores acomodados ou sacrificados, aprendían a coser nalgún taller da vila durante un tempo, sen cobrar nada polo seu traballo. Cando consideraban que podían "independizarse" da maestra costureira os pais empeñábanse para mercarlle unha máquina e comezaban a coser polas casas: remendaban, facían arranxos... e volvían coa máquina na cabeza para seguir cosendo na casa a roupa que as súas veciñas ían estrear nas festas do patrón ou nas da vila. Non tiñan horarios, nin seguros... só traballo!

Slide 17:

Na fábrica de lenzos de Padrón traballaban 12 horas, non se permitía falar durante a xornada de traballo, existía unha continua ameaza de despido e ata se obrigaba ás nais con nenos de peito a alimentar aos seus fillos nunhas horas concretas no patio das fábricas. Gañaban tres pesetas. Non podían asociarse, non tiñan DEREITO a xubilarse, nin seguro, nin vacacións.

Slide 18:

A escola ían poucas e por pouco tempo. Aprendían a ler e a escribir, doutrina cristiá, uns rudimentos de aritmética e pouco máis, porque o seu destino era casar, satisfacer ao marido e ter fillos, coidar dos nenos e dos vellos e traballar. "As labores propias do seu sexo" era o que interesaba, se aprendía máis podían empezar a pensar e non era bo para o poder establecido.

Slide 19:

O seu pai foi follalateiro pero aforrou uns cartos e montou unha tenda que marchou ben. Filla tardía, quixo para ela o mellor e o mellor era que se fixera MESTRA. Estudou na Escola Normal de Mestras e exerceu ata que a apartaron da escola como sospeitosa de "ensinar ás nenas cousas que non debía", sen especificar que cousas eran.

Slide 20:

S oñaba con ser mestra pero as circunstancias non lle permitiron acadar o título, porén, fiel a súa vocación de ensinante, montou unha gardería e escola primaria na propia casa. Nunca separou aos nenos das nenas, como obrigaba a lei. Ensinou a ler a moitas rapazas e superou moitas denuncias e persecucións, pero foi firme, sabía ensinar aínda que non estaba autorizada porque era filla dun mariñeiro pobre e non tivo acceso á Escola Normal

Slide 21:

1931. Instauración da II REPÚBLICA Coa República chega a esperanza porque: ● Recoñece o dereito da muller ao VOTO e desempeñar cargos públicos. ● Decreta as Leis matrimonio civil e do divorcio e dáse á muller a posibilidade de ter a patria potestade. ● Despenaliza o aborto. ● Decreta a xornada laboral de oito horas agás para o servicio doméstico e os traballos non sometidos a regulamento, por conta propia. ● Concede o descanso dominical coas mesmas excepcións. ● Dá liberdade de asociación. ● Regula os permisos de maternidade e lactancia. ● Prohibe a prostitución oficial porque o corpo das mulleres non se vende. ● Abre as escolas e a universidade á muller. ● Abre o camiño aos seguros de accidente, nalgúns casos e de enfermidade. ERA A ESPERANZA nun mundo mellor

Slide 22:

18 de XULLO de 1936 Co alzamento fascista do 18 de xullo do 36, comeza unha etapa de terror que vai durar máis aló da fin da guerra.Galicia queda baixo o dominio de “Atila”. Miles de persoas foron asasinadas, encarceradas ou tiveron que marchar ao exilio, entre elas estiveron moitas mulleres. MULLERES, mulleres esquecidas das que a Historia non fala.

Slide 24:

Chamábase JOSEFA BARREIRO Era labrega. Nacera en Vilagarcía pero vivía en Trabanca, Carril. Tiña dous fillos. Estaba afiliada á CNT. Foi torturada e fusilada, paradoxos da vida, o 19, San Xosé, de marzo do 1937 por agochar na súa casa a Urbano Tarrío. Non o dixeron, foi rexistrada como executada por estar incursa nos bandos de guerra . En Carril ?

Slide 25:

Era MARÍA a "LALINESA", os veciños non lle coñecían o apelido. Chegou un día á parroquia de Lérez con dous fillos, arrendou unha bodega e viviron nela. Traballaba de xornaleira e axudaba a descargar peixe no tempo de agro morto. Un fillo era albanel, tiña 16 anos o outro botaba unha man aos mariñeiros, tiña 13 anos. A noite do 20 de novembro de 1936 chamaron a súa porta. Os veciños oíron e viron como uns "camisas azuis" os levaban. Ela apareceu morta nunha cuneta en Campañó. Os que a atoparon enterrárona sen "dar parte". Dos fillos non souberon máis. Non figura en ningún rexistro. O seu delito? Ser muller e vivir soa?

Slide 26:

MARTINA BUSTOS Era de Bueu e tiña 19 anos. Era peixeira. Non sabía de política pero tiña un mozo mariñeiro afiliado a CNT que falaba da revolución obreira. O seu delito foi querelo . Apareceu morta en Beluso. Baleada. Non houbo ningunha explicación. Os que viron non falaron. Os pais, era filla única, enterrárona de noite e sen cura. A súa tumba non foi sinalada, só eles sabían onde estaba. Onde está hoxe?

Slide 27:

DOLORES FERNÁNDEZ Leiteira. 27 anos. Nacera en Crecente pero vivía en Xeve co home, enfermo de tuberculose, e os tres fillos. Cada mañá, ás 6 en punto, baixaba a Pontevedra cargando dúas "caldeiretas" de leite. Levaba 20 litros para catro familias “importantes” e, ás veces, un pouco máis que vendía na praza do Leite –hoxe do Teucro-. Facía o camiño de volta cara ao mediodía. O 29 de marzo de 1937 non volveu. Tres días despois apareceu morta en Bora. Enterrárona e ... acabouse!

Slide 28:

MARÍA SOMOZAS BARROS Vivía en Lobariñas (Crecente) dende que casara. Tiña 33 anos. Lavaba a roupa do pazo da Fraga e da casa do "Brasileiro". Recorría 7 quilómetros co "tina" sempre chea na cabeza e pasaba horas fregando no pozo da aldea. Tiña dous fillos e un home emigrado do que non sabía dende había uns catro anos. As malas linguas dicían que se "entendía" co Brasileiro. A noite do 29 de agosto de 1936 alguén chamou á súa porta. Abriu e saíu para non volver . Dixeron que fuxira a Portugal pero unha semana despois o seu cadáver apareceu nunha cuneta en Friera. Morta por arma de fogo, con sinais de violación. Ninguén sabía nada, os beizos estaban pechados polo MEDO .

Slide 29:

CARMEN PESQUEIRA DOMÍNGUEZ. Todos a coñecían polo mote da "Capirota" Tiña 29 anos. Era lavandeira. Nacera e vivía en Marín. Non se lle coñece filiación. O 18 de agosto de 1936 alguén lle disparou ao "corazón". O cadáver aparece no Pozo da Revolta, en Mogor. Ninguén viu nin oíu.

Slide 30:

FELICITAS GARCÍA Era costureira. Tiña 24 anos, era solteira e vivía cos pais e un irmán inválido. Cosía polas casas. Marchaba cara a Pontevedra coa máquina na cabeza ás oito da mañá e volvía á noitiña. Subía por Altabón –Campañó- cara a casa sen pararse a falar con ninguén, con presa para chegar a tempo de axudar á nai. A noite do 12 de xuño de 1936 non chegou. A nai botouse ao camiño segura de que lle pasara algo, pero non a atopou. Ao día seguinte chamaron á porta para dicirlle que atoparan morta. Tiña o vestido rachado e tres tiros no peito. Non se conformaran con matala !

Slide 31:

MERCEDES ROMERO ABELLA Tiña 29 anos. Era mestra. Natural de Cee, vivía co seu home na Coruña. Como o seu marido –Francisco Mazariegos- estaba afiliada a UGT. O 19 de novembro de 1936 apareceu o seu cadáver no Pozo da Ponte Castellana, en Aranga, a máis de 30 quilómetros da casa. Morreu por disparos de arma de fogo. O seu marido fora axustizado tres meses antes, na Coruña. O seu delito foi estar sindicada e ser muller dun sindicalista.

Slide 32:

MARÍA VÁZQUEZ SUÁREZ Nacera en Sober (Lugo). Era mestra en Miño (A Coruña) e tiña 33 anos. Estaba afiliada ao PSOE. Fundadora e Directiva da Agrupación Socialista. Afiliada á UGT. Participara na Liga Internacional de Mulleres Ibéricas e Hispano-Americanas, sendo fundadora do subcomité coruñés desa entidade. Morta o 19 de agosto de 1936 A súa morte foi rexistrada a causa de feridas de bala en Pontedeume. O seu delito foi estar comprometida politicamente co bando "equivocado" nunha Galicia entregada aos militares sublevados.

Slide 33:

ROSARIO HERNÁNDEZ DIÉGUEZ, a "Calesa". Tiña 20 anos e vendía xornais nu posto desta rúa. Gustáballe o deporte e quería moito a seu pai, ferroviario e anarquista, aínda que ela simpatizaba máis cos socialista. O levantamento militar levouna á Casa do Pobo. Logrou escapar ao asalto falanxista pero foi detida pouco despois e levada á cárcere provisional do frontón. Alí foi violada e torturada, ata o punto de que un falanxista chega a cortarlle unha orella que garda en formol como trofeo. Un día, cando a súa irmá Ramona chega como a comida dinlle que xa non está alí. O seu cadáver nunca apareceu pero souberon que a mataron e que tiraron o corpo ao mar, preto das illas Cíes. O seu delito foi CRER NUN MUNDO MELLOR.

Slide 34:

CONSUELO ALONSO GONZÁLEZ a "Comunista" Tiña 40 anos. Chegara de Asturias a vivir a Monforte. Era unha muller moi humilde que malvivía vendendo xornais, pero era asturiana e tiña fama de comunista. Foi detida e xulgada en Lugo acusada de "rebelión militar". O xuizo foi como todos: unha grandísima mentira. O tribunal militar declarouna "culpable" sen máis e foi condenada a morte. Ás seis da mañá do 13 de maio de 1938 foi fusilada nas tapias do cuartel de Lugo. Antes non tivera dereitos, despois non tivo XUSTIZA!

Slide 35:

MERCEDES SAN MARTÍN Vivía en Eirís (A Coruña). Era "cigarreira" como todas as mulleres da familia. Tiña 22 anos e un mozo que fora militar que a ía buscar todas as tardes á saída do traballo. A tarde do 23 de xullo de 1936 estaba esperando no mesmo sitio de sempre pero non estaba só, con el estaban tres homes que "Chiruca" non coñecía pero achegouse. Un colleuna polo brazo e botaron a andar... Nunca se soubo deles. As familias pasaron meses mirando ao mar- alguén lles dixera que os mataran e os botaran ao mar cerca da Torre- pero os corpos non aboiaron. Deles quedou o recordo da xuventude truncada .

Slide 36:

JUANA MARÍA CLARA CAPDEVIELLE SANMARTÍN Tiña 31 anos. Nacera en Madrid. Era funcionaria, do corpo de arquiveiros e bibliotecarios. Vivía en A Coruña. Era a compañeira do Gobernador, Francisco Pérez Carballo morto o 18 de agosto de 1936. Sabía que irían a por ela e estivo agochada en Culleredo. Pero deron con ela, foi detida e logo posta en liberdade. Aquela liberación foi un engano. Paseada nun traslado da Garda Civil. A súa morte rexistrada a causa de varios disparos de arma de fogo no peito e na cabeza. O cadáver apareceu no monte da Gándara, estrada Madrid-A Coruña, preto de Rábade. Formaba parte do SOÑO nun mundo mellor.

Slide 37:

MARÍA DEL VALLE LOZANO Natural e veciña de Ourense. Era labrega e traballaba na casa . Tiña 49 anos. Foi secuestrada en Celanova, onde estaba presa, e asasinada no contorno de Mosteiro de Ribeira (Xinzo de Limia), o 29 de outubro de 1937, o cadáver apareceu en Lomba de Lamas. Os veciños tiveron que trasladar que ser trasladar o cadáver ao cemiterio nun carro de vacas. A causa da morte foi "destrozo cerebral" por fusilamento. Era COMUNISTA, ese foi o seu grande delito.

Slide 38:

MARÍA GONZÁLEZ GONZÁLEZ Pertencía a unha familia acaudalada da Coruña. Era muller, librepensadora, mestra socialista , o que a converteu nun obxectivo da represión no ano 1936. Pero non só a ela, senón a todos os membros da súa familia. Foi asasinada na súa casa da Coruña e os veciños, por medo a que houbera máis represalias, colleron o seu corpo e tirárono á praia de Riazor. A súa nai, que foi traballadora da Sociedade de Nacións (xermolo do que foi a ONU), morreu a consecuencia dos desgustos. Ao coñecer a súa morte, un dos seus fillos escapados volveu para enterrala de noite, ao pé do cemiterio da Coruña. No seu camiño de volta, foi localizado e asasinado.

Slide 39:

ÁNGELA IGLESIAS REBOLLAR , a "Protestante" Estaba embarazada , pero iso non lle importou aos que a "pasearon" xunto co seu marido Xosé García Niebla. Leváronos ao Monte da Guía e baleáronos tras o asalto a súa casa no barrio do Toural en Teis (Vigo). Os seus dous fillos foron separados para sempre, a súa vivenda saqueada e os seus bens queimados. Incautaron unha máquina de coser. Era o seu ben máis prezado xunto coa a ilusión de dar aos fillos unha vida máis digna!

Slide 41:

MARCÁRONAS PARA SEMPRE

Slide 42:

JUANA REGUEIRO PÉREZ, a "Chosca" 25 anos. Lavandeira. Vivía co pai, un xornaleiro bravucón que cría na liberación dos traballadores. A noite do 16 de setembro de 19366 un grupo de homes chamou á porta da casopa na que vivían en Lérez. Sacáronos aos dous a golpes, Unha semana despois volveu soa. Viña coa roupa esgazada e tapaba a cara cun pano. En moitos días non saíu da casa. Unha veciña chamou á porta. Non respondeu. A porta estaba aberta e entrou. Atopouna diante da lareira apagada, co mesmo pano pegado á cara. Faltáballe un ollo .Non volveu ao lavadoiro, sobreviviu vendo piñas que collía no monte. Agochada das miradas da xente

Slide 43:

CARMEN HERMIDA. Tiña 18 fermosos anos que namoraron a un "señorito" da vila. Díxolle que non. Á volta da feira de Chantada, o 21 de abril de 1937 paráronos na curva de Centulle. Deixaron marchar á nai e levaron con eles ao pai e a Carmen. O pai apareceu morto en Belesar. Ela .... volveu á casa tres días despois chea de golpes, coa cara cortada. Violárana unha e outra vez, os catro homes que os pararan e un máis ao que non lle viu a cara, pero coñecía a voz porque lle pedira "amores". Marchou da aldea en canto puido. Nunca máis se soubo dela, a "voz" seguiu vivindo e casou cunha herdeira rica como el, todos sabían quen era e que fixera pero morreu de vello. SEN REMORSOS?

Slide 44:

ELVIRA BAO MACEIRAS Era natural da Coruña. Mestra. Activa militante do galeguismo e do republicanismo , en 1918 foi Secretaria da Xunta Directiva nas Irmandades da Fala da Coruña, e colaborou tamén no seu Cadro de Declamación. Foi membro da Agrupación Republicana Feminina da Coruña desde a constitución en 1933 e foi presidenta da primeira Xunta Directiva. En 1936 foi detida e pasará uns meses no cárcere. Despois foi separada definitivamente do ensino público, da súa vida .

Slide 45:

MARÍA PURIFICACIÓN GÓMEZ GONZÁLEZ Alcaldesa republicana de A Cañiza . Foi xulgada en Vigo por rebelión militar co resultado de sentenza a pena de morte. A sentenza foi suspendida temporalmente por embarazo – non sabían que era finxido- e, posteriormente, conmutada por cadea perpetua. O seu delito foi ser muller e meterse en política.

Slide 46:

MARGARITA BILBATÚA ZUBELDÍA Comeu o imperdoable delito de ser irmá de Antonio e Demetrio, dirixentes da Fronte Popular fusilados o 27 de agosto de 1936 en Pereiró (Vigo) Ela conseguiu fuxir a Francia. Alí estivo internada nun campo de concentración malvivindo. A marca do vivido quedou nela para sempre.

Slide 47:

URANIA MELLA SERRANO Foi presidenta da Unión de Mulleres Antifascistas, sección española de "Mulleres contra a guerra e o fascismo" creada tras o triunfo hitleriano en Alemaña. Filla do pensador anarquista, creador do sindicato tranviario de Vigo Ricardo Mella, Estudou na Escola de Artes e Oficios de Vigo, foi profesora de piano e desenvolveu un grande traballo social e cultural no seu barrio de Lavadores. Casou con Humberto Solleiro Rivera e tivo catro fillos. Foi detida co seu home en Redondela. A el matárono. Ela estivo presa nove anos no terrible cárcere Saturrarán (Guipuzcoa). Morreu aos corenta e cinco anos, un mes despois de ser liberada e volver a Galicia. Tiña un tumor cerebral, por iso a liberaron.

Slide 48:

CONCHA NOGUEIRA MIGUEL Natural de Vigo. Filla dos militantes comunistas Ángel Nogueira e Carmen Miguel quen, intentando escapar a Francia no Bou Eva, foron asaltados e xunto cos seus compañeiros, deciden suicidarse antes de ser asasinados polos seus perseguidores. Era o 23 de abril de 1937. Concha emigrou a Venezuela, onde participou en actividades da colectividade galega. Á súa volta a Galicia en 1970, integrase na loita antifranquista a través do Movemento de Mulleres Democráticas . Na actualidade é Secretaria da Asociación Viguesa Pola Memoria do 36. Non pode esquecer!

Slide 49:

ADELINA MARTÍNEZ Traballaba as leiras familiares para axudar ao seu home, patrón de pesca. O 7 de agosto de 1936, el, Vicente, decidiu marchar a Marín para tentar sacar o barco. Ela pediulle que non fora. Sabía que era afiliado da CNT e cal era o destino dos afiliados se os collían. "Os mariñeiros están pasando moita fame. Vou ter coidado, non teñas medo" dixo. Non volveu. Ela estaba certa de que non fuxira porque a quería e quería aos catro fillos que quedaban na casa. Buscou o cadáver pero non o atopou. Alguén lle dixo que o mar era moi grande. Quedou soa con catro fillos e tivo que coser redes ademais de traballar as terras.

Slide 50:

CECILIA COMESAÑA Natural e veciña de Vigo. Estaba casada con Manuel Carolo que fuxiu da represión. Os " falanxista" non lle perdoaron. Fixeron todo o posible por facelo aparecer. Mataron os seus fillos Xosé e Antonio. A Cecilia pelárona e vexárona de mil maneiras. Sufriu rexistros, quitáronlle bens, pero non lograron quitarlle o espírito loitador. Foi unha das poucas mulleres que non tivo reparo á hora de falar do seu "calvario" .

Slide 52:

SEBASTIANA VITALES GASCÓN Era aragonesa de nacemento pero galega por amor. Foi unha sinalada militante libertaria. Pertenceu á Vangarda Feminina da FAI e fundou "Mujeres Libres" na Coruña. Compañeira de Francisco Ballón, peón fisterrán,  Socio de Germinal. Sindicato de Redeiros e antes do de peóns.Morto o 09 de agosto de 1936 Foi detida pero logrou saír e estivo agochada, até que en 1954 emigra a Venezuela. 18 anos da súa vida agochada!

Slide 53:

JOSEFA FORJÁN Viviu en Teo con toda a familia. O seu home: Manuel Liste e cinco fillos varóns. Os fillos, canteiros, foron sinalados líderes da Sociedade de Oficios Varios de Teo e afiliados ao PCE. Faustino e Constante foron fusilados. Eduardo e Manuel fuxidos, Eduardo entregouse e foi condenado a cadena perpetua. Manuel non volveu. Xesús ou "Enrique Lister" marchou á URSS e volveu no 1977. Ela xa non estaba. A soidade foi a súa compañeira dende 1936!

Slide 54:

LUCINDA ESPIÑO Tiña 39 anos. Vivía en Lousame. O seu home era capataz nas minas de San Finx e ela axudaba cultivando a horta e dúas leiras herdadas dos pais.Tiña tres fillos. O 6 de agosto de 1936 o home non volveu á casa. Lucinda esperou. Dous días despois chamaron á porta e abriu confiada. Levou unha sorpresa. Alí fóra había catro homes co cara tapada. Preguntaron polo home. Ela non sabía del.Golpeárona e entraron a polos nenos. Eles non sabían nada pero os "asaltantes" quixeron deixarlle unha mensaxe "por se volve". Machucáronlle a man dereita ao fillo maior e violaron á rapaza. Tiñan 11 e 13 anos! O home non volveu. O neno quedou manco e a nena non volveu falar. Lucinda coidou deles soa .

Slide 55:

FRANCISCA HERMO Tiña 15 anos. Vivía cos pais en Moimenta (Boiro). Era unha nena feliz ata a noite do 23 de marzo de 1937.Aquela noite chamaron á porta. A nai demorouse en abrir mentres o pai se escondía no faiado. Uns homes de "camisa azul" tirárona ao chan e entraron berrando o nome do pai. A nai dicía que non sabían del. A nena calaba chorando. Mallaron na nai e despois foron a por ela e racháronlle a roupa.... O pai escoitou os berros e baixou pedindo que a deixaran. Matárono alí mesmo de dous tiros. Violaron a rapaza e marcharon deixando á nai mal ferida. Ao día seguinte unha veciña achegouse á casa e atopou dous mortos e unha mociña acuruxada no chan cos ollos desorbitados. Unha tía recolleu a nena orfa pero non puido borrar aquela noite da súa cabeza , ninguén puido: TOLEOU!

Slide 56:

BASILISA ÁLVAREZ GONZÁLEZ a “Corales” Era natural de Atocha, de A Coruña. Tiña 46 anos e unha longa historia detrás porque xa de nena tivera que loitar contra a miseria exercendo a prostitución . Aos 20 anos convértese en obreira e afiliada á CNT, Sección de empacadoras do "Sindicato de Industrias pesqueras". Foi una muller comprometida co seu tempo pero, sobre todo foi unha muller compasiva que se xogou a vida por outros. O 18 de xullo de 1937, as forzas da orde preséntanse na súa casiña de Atocha, onde tiña agochados a tres “perseguidos”, ela e dous deles logran fuxir e para librarse do cerco ten que tirarse ao mar en San Amaro. Durante algo máis dun ano anda fuxida pero o 28 de agosto de 1938 non logra escapar. Foi xulgada na Coruña por rebelión co resultado de prisión 20 anos o 16 de novembro de 1938. Nin sequera no cárcere perdeu a esperanza , unha esperanza que sabía contaxiar ás súas compañeiras de “destino”.

Slide 57:

AMALIA ........ a " Madrileña" Non naceu en Madrid, pero finxía o acento e falaba da capital que nunca pisara porque lle gustaba aos seus "clientes" que se rían moito do seu castrapo. Naceu en Lugo e viviu en Pontevedra dende os 16 anos. Exercía a prostitución nunha casa da rúa das Angustias á que acudían os "señoritos" da vila. Tiña moitos " clientes " porque era nova e bonita! Namorouse dun anarquista ao que agochou no seu cuarto, nun armario vello cando a visitaba algún cliente .Pero chegaron os " camisas azuis ", rexistraron e atoparon a quen buscaban. Leváronos aos dous. El tiña 21 anos e morreu na Caeira, como tantos. Ela serviu de " diversión " aos seus captores durante días. Cando se cansaron levárona ao cárcere de Vigo, despois foi a Santurrán.Tiña 18 anos cando entrou. Saíu con 28. Unha compañeira de cadea levouna con ela a San Sebastián. Logrou un emprego miserento nunha fábrica, pero mellorou con esforzo. Veu morrer a Pontevedra, "pobre, pero honrada" , dixo.

Slide 58:

MANUELA MIRELLE CURTO, "Mirella" Filla de pais emigrados a Cuba onde naceu xunto aos seus cinco irmáns. Á volta a familia establécese en Recón, o Saviñao (Lugo). No 1947 coñece a Xosé Castro Veiga o "Piloto" de quen foi compañeira. El era un comunista convencido e polo tanto antifranquista. Ela unha moza namorada de 20 anos que foi fiel ao seu amor ata a morte del, abatido pola Garda Civil o 10 de marzo de 1965 preto do embalse de Belesar (Chantada). Non importaban os medos, a agonía das esperas nos agochos máis insospeitados, valía a pena porque cando chegaba "tratábame como a unha raíña", o amor compensábao todo, mesmo os 18 anos pasados entre sobresaltos e soidade. Cando Xosé morreu Mirella desapareceu, buscou refuxio no anonimato, segundo uns pasou a Francia, outros din que seguiu agochada. Coa morte de Franco volve a aparecer na aldea para coidar do seu pai ancián e achegarse ao cemiterio de San Fiz para deixar, de cando en vez unhas flores da tumba do seu amor. No 1986 era unha anciá enferma que lembraba o tempo pasado xunto a Xosé. Sen odios!

Slide 59:

TERESA PLACER (é o seu nome hoxe) Naceu en Soutelo de Montes no 1933. O seu pai era albanel, afiliado á CNT e con "don de palabra". Foi asasinado o 25 de agosto de 1936 cando volvía á casa xunto co seu fillo "Pacucho", aprendiz de zapateiro. Apareceron nunha cuneta baleados. A nai tivo que criala soa, traballando de xornaleira e mordendo a súa dor. Na escola chamábanlle "comunista" e filla "do demo". Chegaba á casa chorando e a nai consolaba dicindo que non fixera caso, que era envexa porque era lista e bonita. Teresa sufriu aquelas burlas durante anos ata que un día, cansa, deulle unhas labazadas a outra rapaza. A nai da outra foi a por ela, deulle unha malleira e contoulle "a historia". Tiña doce anos! Non volveu á escola. Ao cumpriu os 15 marchou para sempre da aldea. Hoxe sabe que o seu pai non foi ningún criminal!

Slide 60:

LUCÍA PÉREZ GARCÍA Naceu en Trináns (Boiro).Tiña tres meses cando a separaron da nai no cárcere de Ventas porque había que «separar el grano de la paja» e salvar a aqueles nenos do marxismo. Pasou dous anos no hospicio, despois foi adoptada por unha boa familia que tiña dous nenos. Os "novos pais" trátarona ben ata que chegou á adolescencia. Era unha mociña rebelde e comezaron os reproches e as alusións entre os adoptantes.... "sae aos pais" ... "xa che dixen que non debiamos coller unha filla de comunistas" . Ela non entendía . As cousas melloraron pero aquelas frases non se borraron e un bo día preguntou que significaban. Os pais non dixeron nada pero un irmán non tivo "empacho" soltoulle que era " una advenediza adoptada, hija de una presa y un fusilado. Mala gente!" Non dixo nada, colleu as súas cousas e marchou. Pasou anos buscando á nai que perdera pero só logrou recuperar os apelidos, a nai morrera no cárcere!

Slide 61:

CUNETAS ¡ Outra vez, outra vez o terror! Un dia e outro dia, Sen campás, sen protesta. Galicia ametrallada nas cunetas dos seus camiños. Chéganos outro berro. Señor ¿que fixemos? -Non fales en voz alta- ¿Ata cando durará este gran enterro? -Non chores que poden escoitarte. Hoxe non choran mais que os que aman a Galicia- ¡Os milleiros de horas, de séculos, que fixeron falta para facer un home! Teñen que encher ainda as cunetas con sangue de mestres e de obreiros Lama, sangue e bágoas nos sulcos son semente. Docemente chove. Enviso, arrodeame unha eterna noite. Xa non terei palabras pra os meus versos. Desvelado, pola mañá cedo Baixo por un camiño. Nos pazos onde se trama o crime Ondean bandeiras pingando anilina. Hai un aire de pombas mortas. Tremo outra vez de medo. Señor, isto é o home.

Slide 62:

Todas as portas están pechadas. Con ninguen podes trocar teu sorriso. Nos arrabais bandeiras batidas e esfarrapadas. Deixa atrás a vila. Ti sabes que todos os dias hai un home morto na cuneta que ninguén coñece ainda Unha muller sobre o cadaver do seu home Chora. Chove. ¡Negra sombra, negra sombra! Eu ben sei que hai un misterio na nosa terra, Mais alá da neboa, Mais alá do mar, Mais alá da chuvia, Mais alá do bosque. LUÍS PIMENTEL

O noso agradecemento ás familias que facilitaron unha información que. aínda hoxe, na lonxanía do tempo, esperta dor ao traela á memoria. Tamén manifestamos o noso agradecemento ás Universidades Galegas que loitan por recuperar a Memoria Histórica, aos investigadores D. Pereira e A. Ruibal que loitan polo mesmo e a todos cantos tentan facer xustiza. Grazas tamén a cantos teñen colgadas fotos significativas nos seus blogs.:

O noso agradecemento ás familias que facilitaron unha información que. aínda hoxe, na lonxanía do tempo, esperta dor ao traela á memoria. Tamén manifestamos o noso agradecemento ás Universidades Galegas que loitan por recuperar a Memoria Histórica, aos investigadores D. Pereira e A. Ruibal que loitan polo mesmo e a todos cantos tentan facer xustiza. Grazas tamén a cantos teñen colgadas fotos significativas nos seus blogs.

authorStream Live Help